A DIRECCIÓN DE ACCESIBILIDADE UNIVERSAL E INNOVACIÓN ten como misión promover o deseño para todas as persoas e, así, acadar a accesibilidade universal como condición imprescindible para a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade.
As liñas estratéxicas desta área son:
- o LIDERADO da Fundación ONCE en termos de accesibilidade a través de estratexias e proxectos.
- a xeración, incorporación e difusión de COÑECEMENTO, clave para avanzar en novas formas que melloren a accesibilidade de contornas, produtos, bens e servizos.
- e a SOSTIBILIDADE dos proxectos ao longo do tempo, tanto economicamente coma en resultados e recursos humanos.
As ditas liñas estratéxicas incluídas nos tres piares básicos de actividade son:
- Alianzas, redes e plataformas: desenvolvemento de estratexias e proxectos destinados á creación de redes de colaboración público-privada que promovan cunha visión de 360º a accesibilidade en contornas, produtos e servizos.
- Formación, estudos e publicacións: xeración de coñecemento mediante a formación en calquera das súas modalidades e o estudo e enfoque de cuestións técnicas en materia de accesibilidade en contornas, produtos e servizos.
- Investigación e innovación: busca de novas formas, campos e solucións en termos de accesibilidade en contornas, produtos e servizos.
- Difusión: desenvolvemento de proxectos que permitan a máxima difusión en termos de accesibilidade co fin de chegar ao maior número de persoas para normalizar a súa aplicación no deseño de contornas, produtos e servizos.
Estas liñas estratéxicas están aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas.
A Dirección organiza a súa estrutura de xestión en tres departamentos:
-
Departamento de Accesibilidade ao Medio Físico
-
Tradicionalmente, ao falares de accesibilidade, só se tiñan en conta os edificios, a planificación urbana e os medios de transporte. Hoxe en día somos conscientes de que a accesibilidade debe ser unha característica de todas as contornas, produtos e servizos, incluídos os chamados virtuais. Naturalmente, aínda que medre día a día a importancia destes últimos debido á incorporación das tecnoloxías da comunicación en todos os ámbitos, as contornas, produtos e servizos tanxibles, os chamados físicos, son imprescindibles.
Esta área ocúpase das actuacións, actividades e proxectos de moi diverso tipo nos que ten unha maior importancia a contorna construída e que inclúe observatorios en diferentes ámbitos, asesoramento a entidades públicas e privadas, formación técnica, participación en comités técnicos de normalización, etc…
A nosa misión é traballar para lograr que se establecen, coñezan e apliquen criterios e estándares ao deseñar, construír, adaptar e manter a contorna, a súa dotación, así como os produtos e servizos de tal xeito que logren, manteñan ou melloren os seus niveis de accesibilidade.
-
Departamento de Cultura e Lecer
-
O acceso á cultura e ao lecer por parte de persoas con discapacidade pode parecer a primeira vista sen importancia, con todo, debemos rexeitar esa idea. É un dereito de todas as persoas.
A Fundación ONCE, ao longo da súa traxectoria, ten como obxectivo acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade e é consciente de que non se poden esquecer ámbitos como a cultura para lograr a total normalización na vida das persoas que integran este colectivo.
https://arteycultura.fundaciononce.es/
Desde este departamento ademais de desenvolver proxectos propios, apóiase a posta en marcha de iniciativas culturais e de lecer por parte doutras entidades cando o seu propósito é o beneficio das persoas con discapacidade.
-
Departamento de Tecnoloxía Accesible e I+D
-
Que a tecnoloxía sexa accesible e utilizable para todos, que sexa unha ferramenta tamén a servizo das persoas con discapacidade, que as TIC e outras tecnoloxías emerxentes poidan contribuír á independencia das persoas apoiándoas nas súas tarefas da vida diaria, do lecer e da vida laboral, facéndoas máis independentes, é o conxunto principal de obxectivos sobre os que pivota a actividade deste Departamento.
Divulgación das boas prácticas en materia de accesibilidade ás TIC, formación en materia de deseño universal en tecnoloxía, colaboración na creación de estándares e normas para unha maior accesibilidade do medio tecnolóxico, son só algúns dos exemplos das actividades dirixidas á consecución dos nosos obxectivos.
A través do Departamento de Tecnoloxía Accesible e I+D, a Fundación ONCE sitúase na vangarda da investigación e innovación, participando en iniciativas como o Sétimo Programa Marco da Unión Europea, Horizon 2020, etc.
Difusión
A Fundación ONCE puxo en marcha diferentes plataformas específicas para a difusión da súa actividade en materia de Accesibilidade Universal, ademais das súas propias canles de comunicación, destacando as seguintes iniciativas:
Plataforma ACCESSIBILITAS
Accessibilitas é unha plataforma dixital impulsada pola Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade co obxectivo de fomentar a xeración e difusión do coñecemento en materia de accesibilidade universal.
A plataforma concentra información de interese en materia de accesibilidade física, tecnolóxica e á comunicación: normativa técnica e legal, guías e manuais, noticias, convocatorias de xornadas e cursos, material multimedia e moito mais.
Os contidos de Accessibilitas diríxense especialmente a todas as persoas cuxas prácticas profesionais poidan influír na accesibilidade dos espazos, produtos e servizos. En esencia, ten cabida nela calquera persoa e institución interesada en contribuír ao deseño universal.
Ademais, dispón dunha área privada dirixida, nunha primeira fase, a administracións públicas, universidades e organizacións sen ánimo de lucro que operen en España. Nela pódese acceder á normativa técnica UNE en materia de accesibilidade, foros especializados atendidos por expertos e permite difundir os eventos relacionados coa accesibilidade universal e o deseño para todas as persoas.
Boletín InnovAccesibilidad
O Boletín InnovAccesibilidad utiliza as novas tecnoloxías para achegar a información sobre innovación e accesibilidade nun formato sinxelo, que inclúe tanto versións en español como en inglés, con noticias e unha axenda sobre eventos nos que participa a Fundación ONCE.
Se che interesa recibir o Boletín InnovAccesibilidad, pica no seguinte enlace:
Estudos de investigación social en materia de accesibilidade universal
Observatorio de accesibilidade universal nos municipios de España (2020)
Estudo que analiza o grao de accesibilidade universal presente actualmente en vías públicas e edificios de titularidade municipal, co obxectivo prioritario de achegar unha visión clara da situación, ao tempo que amosa aquelas cuestións máis relevantes sobre as que se considera necesario centrar a atención.
A publicación deste Observatorio de Accesibilidade Universal nos Municipios de España amplía e actualiza os diagnósticos previos realizados pola Fundación ONCE en 2011 e 2017 en materia de accesibilidade universal en espazos públicos urbanizados e edificacións.
Índice Smart nas Capitais de Provincia Españolas (2019)
https://www.idencityconsulting.com/indicesmart
Trátase dun estudo liderado pola consultora IDENCITY en colaboración con diferentes empresas e entidades no que participou activamente a Fundación ONCE para avaliar as cuestións de accesibilidade nos desenvolvementos Smart das 52 capitais de provincia españolas. O índice Smart foi presentado no Smart City Expo World Congress celebrado en Barcelona no mes de novembro de 2019.
Estudos do Observatorio de Accesibilidade TIC
O Observatorio de Accesibilidade púxose en marcha en 2004 co obxectivo de xerar e difundir información sobre os niveis de accesibilidade nas TIC, de sectores específicos, a través de comparacións intersectoriais e tendo en consideración as evolucións ao longo do tempo.
http://www.discapnet.es/castellano/areastematicas/accesibilidad/observatorio_infoaccesibilidad
A continuación, destácanse algúns deles:
- Accesibilidad e innovación social en la atención sanitaria. Las TIC como facilitador para un uso eficiente de la sanidad (2020)
- Accesibilidad de los Asistentes Virtuales (2020)
- Mapa de Indicadores de Lectura Fácil: Estado de situación en España
- Estándares accesibilidad cognitiva web y móvil (2019)
- El sector “seguros” y las personas con discapacidad y sus familias: dimensionamiento, análisis de barreras e identificación de oportunidades (2018)
Proxectos de investigación e innovación social desenvolvidos baixo programas da comisión europea
Dentro dos proxectos de investigación social e I+D que desenvolve a Fundación ONCE destacan os levados a cabo en colaboración coa Comisión Europea dentro dos diferentes programas que se puxeron en marcha ao longo dos anos. Os máis recentes postos en marcha e mesmo algúns aínda en desenvolvemento, destácanse a continuación:
EDUCA4ALL
O proxecto EDUCA4ALL pertencente ao Programa Europeo de Educación, Formación, Mocidade e Deporte ERASMUS+, liderado pola Fundación ONCE e cunha duración de 35 meses, consiste na avaliación e mellora do currículo formativo en materia de accesibilidade nas carreiras de Arquitectura e Enxeñería Civil, impartido en tres Universidades internacionais e unha nacional. (University College of London, Brunel University of London, Universitá dei Bologna e Universidad Francisco de Vitoria). A súa finalización está prevista durante o ano 2020.
CILIFO
A Fundación ONCE participa nun proxecto POCTEP de cooperación transfronteiriza para a creación do Centro Ibérico contra a Loita de Incendios Forestais (CILIFO). No marco deste proxecto, en 2019 levouse a cabo un estado da arte sobre xestión de urxencias na contorna forestal e atención ás persoas con discapacidade, así como unha enquisa en liña para definir os requisitos técnicos e funcionais que se deben ter en conta no desenvolvemento dunha aplicación móbil orientada a reducir ao mínimo o risco da poboación, especialmente de quen ten unha discapacidade, ante un incendio.
Ademais, a Fundación ONCE elaborou o contido para desenvolver xornadas de sensibilización social orientadas a potenciar a atención á diversidade na contorna forestal e participou en todas as actividades de coordinación do proxecto contribuíndo a que a documentación elaborada sexa accesible. O proxecto finalizará en decembro de 2021.
http://cilifo.eu/wp-content/uploads/2020/03/Tr%C3%ADptico-CILIFO_ES-1.pdf
SAFERUP
Fundación ONCE participa no proxecto europeo SAFERUP, cuxo obxectivo é ofrecer solucións innovadoras que formarán a contorna urbana pavimentada do futuro. Os carreiros, carrís bici, estradas, interseccións, prazas e todas as demais superficies transitables que todos utilizamos cada día se deseñarán, construirán e xestionarán de acordo con criterios sensibles ao contexto, incluíndo non só a seguridade, a mobilidade e os custos (construción e mantemento), senón tamén a sostibilidade, os impactos ambientais, a accesibilidade, a estética, a economía circular e a preservación da economía local.
O proxecto ten previsto finalizar a finais de 2021.
PROSPERITY4ALL
Fundación ONCE participou como socio neste proxecto do 7º Programa Marco da Comisión Europea, desenvolvido por un consorcio que reuniu a vinte e catro socios repartidos por trece países, entre os que se atopaban desde grupos de usuarios finais e institutos de investigación a desenvolvedores e fabricantes de tecnoloxías internacionais. PROSPERITY4ALL centrouse no deseño da infraestrutura necesaria para promover o sector dos produtos de apoio e a creación de novas tecnoloxías accesibles, mellorando a conexión entre o desenvolvedor e o usuario e favorecendo a creación de novos métodos para a súa comercialización. Deseñouse unha plataforma web na que unha persoa que teña algún tipo de discapacidade poida consultar que tipo de dispositivo necesita para unha determinada actividade e obter rapidamente a resposta mostrando os produtos ou servizos que se axusten ás súas necesidades. O usuario pode estar en contacto permanente co desenvolvedor desa tecnoloxía para consultarlle dúbidas sobre o seu funcionamento e transmitirlle suxestións de mellora.
O proxecto finalizou en 2018.
Apoio á innovación en materia de accesibilidade universal
A innovación en termos de accesibilidade universal sempre estivo dentro dos obxectivos da Fundación ONCE, con fin de buscar solucións o máis avanzadas posible desde o punto de vista tecnolóxico para incorporalas para mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade. A era dixital na que nos atopamos e os múltiples procesos de automatización de procedementos convertérona nunha das liñas fundamentais de actuación desta Fundación para estar á vangarda deste tipo de solucións innovadoras indo da man de profesionais e expertos en diferentes materias cuxo foco sexa a innovación.
Proba diso son a multitude de proxectos que se poñen en marcha desde a Fundación ONCE entre os que destacan dos máis recentes os seguintes:
EspacIA
Fundación ONCE inaugurou o 4 de decembro de 2019 a Sala de Innovación EspacIA, un espazo aberto dedicado á innovación e á accesibilidade co que se pretende fomentar aínda máis o deseño para todas as persoas e que a tecnoloxía se converta nunha oportunidade para lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade. A dita sala acollerá obradoiros de traballo e creación conxunta destinados a persoas expertas en materia de accesibilidade da entidade e profesionais doutras empresas interesados en avanzar no deseño de produtos e servizos que teñan en conta as necesidades de todas as persoas. Ademais, nela tamén se impartirán cursos de formación dirixidos a mellorar as habilidades tecnolóxicas das persoas con discapacidade, así como á formación de profesionais en materia de accesibilidade.
Os nosos proxectos:
O robot PACA é un proxecto da Fundación ONCE, desenvolvido por ILUNION Tecnología y Accesibilidad, cuxas siglas en galego significan Asistente Cognitivo Persoal e Accesible, que ten como obxectivo explotar o potencial dos robots para o seu uso en diversas contornas para mellorar a experiencia do usuario en eventos ou na súa vida diaria, así como para mellorar a accesibilidade de espazos públicos e fogares.
Este robot ten a capacidade de interaccionar con persoas a través da voz, texto e imaxes e ofrece información de xeito accesible para persoas xordas, cegas, con discapacidade visual, intelectual, e tamén para persoas maiores.
Así mesmo, PACA utiliza intelixencia artificial para axudar as persoas con discapacidade en varios escenarios, xa sexa nunha viaxe, no traballo ou nun hospital.
Medicamento Accesible PLUS é unha aplicación gratuíta para iOS e Android desenvolvida polo Consello Xeral de Farmacéuticos, Fundación ONCE e Fundación Vodafone España. É unha solución dirixida a calquera tipo de paciente ou cidadán que precise de información sobre medicamentos, pero está especialmente deseñada para persoas con discapacidade visual, con dificultades de manipulación, ou persoas maiores, para as que accións cotiás, como ler o prospecto dun medicamento, poden supoñer un reto.
A aplicación, que permite consultar información sobre medicamentos mediante a captura do código de barras ou a introdución do nome nun buscador, ofrece utilidades como un localizador das farmacias máis próximas ao usuario e unha sección que, baixo o nome de “As miñas medicinas”, almacena a información daqueles medicamentos que o usuario utiliza con maior frecuencia e aos que quere ter un acceso rápido.
Descarga gratuíta en:
Grazas ao proxecto Camiño de Santiago Francés Accesible impulsado pola Fundación ONCE, o camiño de peregrinación máis antigo de Europa tamén será accesible para as persoas con discapacidade.
Consiste nunha aplicación móbil, mediante o guiado 3D e con información accesible e de fácil comprensión, orientada especialmente as persoas con discapacidade visual ou cognitiva. Ademais, a app permitirá ao peregrino acceder a alertas, notificacións ou información relativa a accesibilidade relacionada co tramo do camiño no que se atope, así como a obtención da credencial dixital, mediante o selado a través de códigos vumark.
O proxecto conta co apoio de catro ministerios —Cultura e Deporte; Fomento; Industria, Comercio e Turismo; e Sanidade, Consumo e Benestar Social— e coa colaboración de cinco comunidades autónomas polas que pasa o Camiño Francés: Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Galicia. Tamén participan Microsoft España, a Asociación Municipios do Camiño de Santiago e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago.
Amuse é un innovador sistema de guiado, baseado na tecnoloxía das balizas intelixentes “beepcons”, que facilita ás persoas con discapacidade o acceso á información dos contidos dos museos.
A través de “Amuse” e alí onde estea instalado este sistema, o usuario pode elixir dúas modalidades de visita: Guiada ou libre. En cada unha delas, accederá á información sobre as obras expostas, así como a vídeos e audios explicativos, con subtitulado, lingua de signos e audiodescrición.
Descarga gratuíta en:
O portal Amóvil é unha iniciativa liderada pola Fundación ONCE que ten o propósito de axudar as persoas con discapacidade e persoas maiores a identificar dispositivos móbiles accesibles que se axusten ás súas necesidades e preferencias. Trátase dun sitio web interactivo que tamén ofrece información sobre os produtos de apoio compatibles cos diferentes terminais e aplicacións móbiles que cumpran cos requisitos de accesibilidade universal e deseño para todos. Ademais, publica noticias e informacións sobre accesibilidade ás TIC e promove a participación activa tanto dos usuarios coma dos expertos en accesibilidade, así como fabricantes e empresas relacionadas coa tecnoloxía móbil.
Promoción da accesibilidade no mundo dos Videoxogos
Dentro da procura da igualdade de oportunidades e co espírito de potenciar as habilidades brandas ou (soft skills) das persoas con discapacidade, desde 2018 a Fundación ONCE está a promover a accesibilidade no mundo dos videoxogos, abordando probas de usuario con distintos perfís de discapacidade, para comprobar a accesibilidade, facilidade de uso e interacción de determinados produtos de apoio que poden facilitar o manexo de consolas ou videoxogos.
Para formalizar as medidas que se están a pór en marcha, asinouse un convenio coa Asociación Española do Videoxogo para ter de apoio a industria en todas as accións que se están a poñer en marcha. Así tamén, estanse a apoiar formacións accesibles e sobre o tema da accesibilidade dentro do sector, como pode ser coa Escola de Arte dixital e videoxogos de Málaga (EVAD), por último preténdense realizar accións de difusión e sensibilización en eventos e lugares de referencia.
Plataforma Tecnolóxica Española de Tecnoloxías para a Saúde, a Vida Activa e Independente eVIA
eVIA é unha das catro plataformas Tecnolóxicas que se integran en AMETIC (Asociación de Empresas da Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e os Contidos Dixitais). O obxectivo da plataforma eVIA, nacida en decembro de 2007, é utilizar as TIC para promover a innovación centrada nas persoas como vía de integración de colectivos en risco de exclusión. Desde a súa creación, eVIA contribuíu a elevar a efectividade da actividade de I+D+i no sector das tecnoloxías e a discapacidade. Actualmente, eVIA é un foro aberto que reúne a unhas 489 organizacións de natureza moi diversa: industrias, asociacións de usuarios, provedores de servizos, ONG, Administracións Públicas e espazos sociais de innovación, e máis de 600 expertos do sector. A Fundación ONCE ocupa a Presidencia de eVIA e AMETIC a Secretaría Técnica.
http://ametic.es/es/innovacion/plataformas-tecnologicas/evia
Apoio ao emprendemento en materia de accesibilidade universal
O apoio a emprendedores que deseñen solucións que melloren a accesibilidade e as condicións de vida de persoas con discapacidade converteuse nun dos eixos prioritarios para a Dirección de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE.
A estratexia “Fundación ONCE, Emprende e Innova” desenvolveuse conxuntamente coa Dirección de Formación, Emprego, Operacións e Transformación e os Departamentos de Innovación Social e Programas Europeos. Dentro da estratexia, a Dirección de Accesibilidade Universal e Innovación planifica, coa colaboración de PricewaterhouseCoopers, as seguintes accións:
- elaboración dun informe que estude a dimensión da discapacidade dentro do ecosistema emprendedor
- constitución dunha rede de networking presencial ou virtual que se converta nun referente en temas de discapacidade e emprendemento a nivel nacional;
- posta en marcha dun servizo de aceleración para proxectos en distintas fases de maduración (proxectos con distintas fases de prototipaxe e empresas con distintas fases de facturación).
Participación da Fundación ONCE en eventos de emprendemento
A Fundación ONCE ten presencia en eventos en materia de emprendemento: SouthSummit, StartUpOlé e ImpactForum de Ship2B. Trátase de eventos cunha grande afluencia de público do ecosistema emprendedor, que en conxunto recibiron máis de 27 000 visitas e que reciben o apoio das principais entidades públicas e privadas o país.
Formación e consultoría
A xeración de coñecemento a través da formación de profesionais e a sensibilización das persoas son obxectivos clave da Fundación ONCE desde os seus inicios.
Propóñense accións formativas presenciais e virtuais con grande impacto e participación nelas, tratando de chegar a todos os recunchos e actividades (durante 2019 impartiuse formación a máis de 8300 persoas), de xeito que os profesionais asimilen os conceptos de accesibilidade e deseño para todas as persoas como unha cuestión máis de deseño e que, pouco e pouco, consigamos contornas, produtos e servizos para todas as persoas.
Asemade que este labor de formación, a Dirección de Accesibilidade Universal e Innovación desenvolve un importante labor de consultoría a entidades públicas e privadas.
Máster online en Accesibilidad para Smart City “La Ciudad Global”
Desde 2011 vénse celebrando este Máster coa colaboración da Universidad de Jaén co obxectivo de formar os futuros profesionais que traballen na creación da contorna, dos produtos e dos servizos, tanto físicos como “virtuais" como un paso necesario no camiño para lograr unha plena accesibilidade. A formación en Accesibilidade Universal e Deseño para todas as persoas impártese a perfís tan variados como arquitectos, enxeñeiros informáticos, enxeñeiros industriais, licenciados en economía ou diplomados en traballo social, entre outros.
Canle Fundación ONCE en UNED: Cursos MOOC sobre accesibilidade
A Fundación ONCE e a UNED uníronse para producir recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles a todos e todas. Cada estudante pode obter, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos.
A Canle Fundación ONCE en UNED Aberta ofrece formación en coñecementos e habilidades necesarios para deseñar produtos, contornas, sistemas e servizos desde unha perspectiva de deseño universal:
- recoñecer e abordar os desafíos aos que se enfrontan as persoas con diferentes limitacións;
- aprender a traballar cun deseño innovador para dar resposta a estas necesidades;
- integrar solucións de accesibilidade universais e específicas utilizando a tecnoloxía apropiada.
Xornadas “DESEÑANDO CIDADES E POBOS PARA TODAS AS PERSOAS” (Fundación ONCE / Fundación ACS)
No 2019 levouse a cabo a VII Fase do proxecto de formación “Deseñando cidades e pobos para todas as persoas”, iniciativa dirixida a profesionais que desenvolven a súa actividade na contorna construída.
Esta acción formativa lévase realizando desde hai 7 anos da man da Fundación ACS baixo sucesivos convenios de colaboración asinados durante este tempo demostrando a implicación de ambas as entidades na consecución da accesibilidade no marco das nosas cidades e vilas.
Cada ano celébranse diferentes xornadas por todo o territorio nacional para tratar de chegar á totalidade de técnicos municipais e outros profesionais que traballan nas corporacións municipais, aínda que tamén a aqueles que exercen a súa profesión de xeito liberal.
Iniciativa VOLVO (VOLVO / Fundación ONCE)
Iniciativa Volvo trátase dun innovador proxecto educativo que contribúe á promoción da seguridade, o respecto o ambiente e a accesibilidade universal entre os máis pequenos.
Nas 7 edicións celebradas ata o de agora, participaron máis de 22 600 alumnos e alumnas de 200 Centros Educativos da Comunidade de Madrid e Cataluña, tendo unha excelente aceptación entre o alumnado e o profesorado.
Eventos
Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade
Organízase desde 2015 para coñecer como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes e os produtos ou servizos melloran a vida de todos os cidadáns.
Unha parte importante do congreso é o intercambio de comunicacións grazas ao cal a comunidade internacional pode coñecer de primeira man os avances que están tendo lugar nas distintas áreas de coñecemento que se abordan.
Proponse unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de todo tipo, tanto no eido da tecnoloxía como do turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.
A edición de 2019 celebrouse en Málaga do 23 ao 25 de outubro e foi organizada en colaboración co Ayuntamiento de Málaga, a Organización Mundial do Turismo (UNWTO), a Rede Europea de Turismo Accesible (ENAT) e o Real Padroado sobre Discapacidade, pasando a denominarse Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, co obxectivo de abarcar a toda a poboación susceptible de beneficiarse das melloras, propostas ou boas prácticas xurdidas da celebración deste congreso.
Premios Discapnet
http://premios.discapnet.es/index.php
Os Premios Discapnet da Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles teñen como obxectivo recoñecer as mellores iniciativas e accións no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, así como ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolven un labor continuado no eido da accesibilidade TIC.
Bienal de Arte Contemporánea Fundación ONCE
A Bienal de Arte Contemporánea é un ambicioso proxecto cuxo obxectivo primordial é recoñecer e difundir a obra de artistas con algún tipo de discapacidade ou daqueles que atopan na discapacidade a súa inspiración. Por este motivo, a Fundación ONCE iniciou esta andadura en Madrid no ano 2006. E a súa misión é conseguir os dous obxectivos fundamentais da Fundación ONCE, o emprego de artistas profesionais con discapacidade e a accesibilidade, neste caso á cultura. A Bienal vertébrase en torno a unha exposición de artes plásticas, ao redor da cal desenvólvense unha serie de actividades paralelas nas que incluímos tanto ciclos de artes escénicas (cinema, teatro, danza e música) como obradoiros de formación artística, en calquera das súas disciplinas.
Sala Cambio de Sentido
http://www.salacambiodesentido.com/
A sala “Cambio de Sentido” é unha galería de arte situada na rúa Sebastián Herrera, 15 de Madrid. É unha iniciativa que comezou en 2009 e cuxo principal obxectivo é promover e fomentar o emprego de artistas con discapacidade, propoñendo un espazo onde poden dar a coñecer a súa obra e facer da arte o seu modo de vida. Ademais das exposicións temporais, tamén se levan a cabo outras actividades culturais.
El mundo fluye. Dos miradas sobre una misma realidad
https://elmundofluye.fundaciononce.es/
A exposición itinerante “El mundo fluye. Dos miradas sobre una misma realidad” reúne unha selección de obras presentes nas edicións da Bienal de Arte Contemporánea Fundación ONCE, celebradas ata o momento e que forman parte da nosa colección. Con esta exposición preténdese, unha vez máis, divulgar a obra de artistas con discapacidade entre aquelas persoas relacionadas profesionalmente co mundo da Arte ou que non tiveron a oportunidade de visitar a Bienal de Arte Contemporánea. Contribúese á profesionalización destes artistas, ademais de facilitar o acceso a cultura ás persoas con discapacidade, ao seren accesibles estas exposicións, e sensibilízase a toda a sociedade respecto da discapacidade.
Publicacións
A Fundación ONCE pon en marcha cada ano diversas publicacións en materia de accesibilidade en diferentes ámbitos, que están dispoñibles na Biblioteca virtual da Fundación ONCE, en coleccións de accesibilidade (https://biblioteca.fundaciononce.es/publicaciones/colecciones-propias/coleccion-accesibilidad)