Que facemos

Área Internacional

You are in main content

Área Internacional

Fundación ONCE, guiada pola súa experiencia e compromiso de mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, segue con atención as evolucións da contorna europea en relación con este grupo, tanto no ámbito das Institucións Europeas como daqueles foros europeos e internacionais dende onde se traballa para a defensa dos intereses dos 100 millóns de europeos e europeas con discapacidade.

Así, a presenza institucional de Fundación ONCE en Europa, como tal ou en representación dos intereses das persoas con discapacidade, materialízase nas seguintes Plataformas:

Presenza Internacional

  • Foro Europeo de Persoas con Discapacidade (EDF)

    http://www.edf-feph.org/

    O EDF é a organización que, dende o ano 1997, reúne ao conxunto das organizacións europeas representativas das persoas con discapacidade a nivel nacional, así como a organizacións europeas que defenden os intereses das persoas con algún tipo de discapacidade específica. Dende Fundación ONCE existe un traballo continuo de apoio ao EDF no seu papel ante as institucións europeas e no desenvolvemento de políticas e iniciativas que poidan ter consecuencias directas ou indirectas sobre o sector social das persoas con discapacidade e as súas familias.

  • Centro Europeo de Fundacións (EFC)

    https://www.efc.be/

    É a plataforma de referencia para a filantropía en Europa, traballa para fortalecer o sector e defender a filantropía institucional como un medio formidable para efectuar o cambio. O EFC defende que a filantropía institucional ten un papel crucial e oportuno para cumprir cos desafíos críticos aos que se enfronta a sociedade actual.

    Fundación ONCE foi un membro dinámico do EFC dende 1989 e un firme defensor dos intereses do sector fundacional en Europa. Participamos nos órganos de decisión da entidade e somos líderes do grupo de traballo Disability Thematic Network, para a implantación da Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade dende a súa creación en 2009, que serve como punto de encontro e centro de intercambio de coñecementos e reflexión entre os membros do EFC que traballan en temas relacionados coa discapacidade.

  • Social Economy Europe (SEE)

    http://www.socialeconomy.eu.org/

    É a plataforma da economía social europea. O seu obxectivo é promover a contribución social e económica das empresas e organizacións da economía social, promover o papel e os valores dos actores da economía social en Europa e reforzar o recoñecemento político e legal da economía social e das cooperativas, sociedades mutualistas, asociacións e fundacións.

    Fundación ONCE foi membro dende os inicios da Comisión Consultiva e participou nas reunións onde se forxaron as políticas europeas sobre o sector. Actualmente, é membro do Consello de Administración a través do Centro Europeo de Fundacións (EFC).

  • Comité Económico e Social Europeo (CESE)

    https://www.eesc.europa.eu/

    Fundación ONCE é membro do Comité Económico e Social Europeo (CESE) en representación da Confederación Empresarial Española para la Economía Social (CEPES).

     É o principal órgano consultivo da Unión Europea, que foi fundado en 1957 asemade que a propia UE. No Comité están representados os distintos compoñentes da sociedade civil: empresarios, sindicatos e outros actores como ONG, economía social, consumidores, profesionais liberais, académicos, etc. O seu papel é emitir ditames sobre practicamente a totalidade dos proxectos políticos e lexislativos da UE para asegurarnos de que se teña debidamente en conta a perspectiva da sociedade civil. Os seus informes envíanse o Consello, a Comisión Europea e o Parlamento Europeo. Polo tanto, ten un papel clave que desempeñar no proceso de toma de decisións da Unión.

    Ademais, dende o Comité fomentase a democracia de participación na UE e contribúese a reforzar o papel das organizacións da sociedade civil mediante o establecemento dun “diálogo estruturado”.

    Se a isto lle engadimos que a Unión Europea está na orixe de entre o 70 e o 80% da lexislación que se aplica nos Estados membros, podémonos facer unha idea da importancia do CESE como órgano xerador de ideas e propostas.

    A nosa participación no Comité permítenos incorporar a dimensión da discapacidade e da economía social nos ditames nos que participamos, pondo en valor o traballo da Fundación en materia de emprego inclusivo e accesibilidade.

  • Services of General Interest in Europe (SGI)

     

    https://sgieurope.org/

    Anteriormente coñecido como o Centro Europeo de Empregadores e Empresas que prestan servizos públicos e servizos de interese xeral (CEEP), SGI Europe é a patronal europea que representa os empregadores e as empresas que prestan servizos de interese xeral (SGI) dende 1961. Ser membros de SGI permítenos o acceso á mesa do diálogo social a nivel europeo. Os SGI dan suporte os obxectivos fundamentais da UE, apoiando a cohesión empresarial, social e territorial, a solidariedade económica e social e unha mellor calidade de vida para todos. Fundación ONCE participa nas reunións da Comisión de Emprego e Asuntos Sociais de SGI a nivel europeo.

     

  • European Platform for Rehabilitation (EPR)

    https://www.epr.eu/

    Fundación ONCE participa como membro de pleno dereito da EPR, unha asociación sen ánimo de lucro que reúne a institucións que prestan servizos no eido ocupacional, médico e de rehabilitación social para persoas con discapacidade co fin de mellorar a súa posición no mercado de traballo.

Outras actividades na esfera internacional

Fundación ONCE é membro do Consorcio Mundial para a Estandarización da Accesibilidade na WEB (W3C) que é o Consorcio máis importante que regula as normas da Rede.

Así mesmo, estamos na Rede Europea para o Turismo Accesible (ENAT). ENAT traballa para facer de Europa un destino accesible, no que todos os viaxeiros poidan circular libremente, gozar de novas experiencias e estar seguros de obter o servizo que precisan e esperan, en definitiva, para a sostibilidade ao longo prazo da industria europea do turismo.

Tamén participamos na Plataforma Instituto Europeo de Deseño para todos (EIDD).

Dende 2018, Fundación ONCE ostenta o status consultivo especial no Consello Económico e Social de Nacións Unidas (ECOSOC) o que constitúe sen dúbida unha oportunidade dentro da actividade internacional que a Fundación leva a cabo.

Fundación ONCE é tamén membro do Council on Foundations (COF), a plataforma representativa do sector fundacional nos Estados Unidos de América, que facilita o encontro con fundacións de América do Norte, entidades multilaterais e outras institucións.