Fundación ONCE naceu en febreiro de 1988 por acordo do Consello Xeral da ONCE e presentouse ante a sociedade en setembro dese mesmo ano como un instrumento de cooperación e solidariedade dos cegos españois cara outros colectivos de persoas con discapacidade para mellorar as súas condicións de vida.
Dende a súa creación, o colectivo de persoas cegas tivo vocación solidaria con outros colectivos de discapacitados, en función das posibilidades de cada momento histórico. A mediados dos oitenta, coa reforma do cupón, a ONCE puido incorporar progresivamente vendedores de cupón non cegos, integrando máis de 10.000 persoas con outras discapacidades entre 1985 e 1987. Un paso máis neste esforzo solidario prodúcese en 1988 coa creación da Fundación ONCE.
Obxectivos e liñas de actuación
A misión da Fundación ONCE é contribuír á plena inclusión social das persoas con discapacidade, contribuíndo a facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades e non discriminación.
Para cumprir a súa misión, a Fundación ONCE determina como obxectivos ou fins principais os seguintes:
- A promoción da plena integración laboral das persoas con discapacidade
- A promoción da cualificación profesional, das competencias laborais e das habilidades persoais e profesionais, como factores determinantes do nivel de empregabilidade das persoas con discapacidade e, xa que logo, no proceso de integración laboral
- A promoción da accesibilidade universal e o deseño para todos
Os obxectivos ou fins principais da Fundación ONCE desenvólvense tendo presente dous valores fundamentais:
- Fomentar a solidariedade e a cohesión social artellando actuacións, proxectos e programas dirixidos a todas as persoas con discapacidade en todo o territorio do Estado
- Buscar a cooperación, a colaboración e o compromiso de todas as administracións, institucións, axentes e entidades, públicas ou privadas, implicados no desenvolvemento económico e social
Así mesmo, a actuación da Fundación ONCE réxese polos seguintes principios:
- Bo goberno, transparencia e excelencia nos criterios e procedementos de actuación, na definición das súas prioridades de traballo, no uso dos seus recursos e na comunicación dos seus resultados.
- Complementariedade coa actuación das Administracións Públicas, debendo procurarse que as actividades da Fundación non incorran gradualmente na dinámica de ir substituíndo, por vía dos feitos, as obrigas dos poderes públicos en calquera aspecto da política sobre as persoas con discapacidade. No entanto, poderá cooperar coas Administracións mediante a adopción de acordos ou concertos para a promoción de proxectos ou programas, sempre que se produza unha contribución significativa das Administracións.
- Cooperación cos axentes, públicos e privados, máis relevantes, establecendo relacións de mutua confianza e velando sempre polos intereses compartidos
- Procurar que todas as actuacións que se acometan para o desenvolvemento dos seus fins teñan un impacto social e a capacidade de transformar a realidade social
- Innovación social, promovendo iniciativas, liderando procesos, proxectos e mobilizando a todos os axentes e recursos en cumprimento dos seus fins
- Independencia e imparcialidade respecto de calquera poder público ou privado
- Sostibilidade e respecto ao ambiente no desenvolvemento de todas as actividades que realiza para acadar os seus fins
- Igualdade real e efectiva entre mulleres e homes
Son beneficiarias potenciais as entidades de nacionalidade española, dotadas de personalidade xurídica, que, de acordo cos seus estatutos, desenvolven unha actividade coincidente coa que leva a cabo Fundación ONCE consonte o establecido nos Estatutos. Tamén poden ser beneficiarios potenciais calquera persoa de nacionalidade española con discapacidade, física, intelectual, sensorial ou psicosocial, conforme á regulación e cualificación legal vixente das discapacidades.
Excepcionalmente, pode estenderse a acción protectora da Fundación, previo acordo do seu Padroado, e a proposta da Comisión Permanente, a persoas naturais ou xurídicas de distinta nacionalidade nas quen concorran os requisitos citados anteriormente. Os beneficiarios deben reunir, ademais, aqueloutras condicións establecidas especificamente nos diferentes plans e programas que aprobe o Padroado da Fundación ONCE ou a súa Comisión Permanente.
Fundación ONCE comparte coa ONCE os mesmos valores, como son: Comunicación, Solidariedade, Confidencialidade, Equidade, Confianza, Honestidade, Humildade, Respecto, Compromiso, Profesionalidade e Responsabilidade.