Que facemos

Formación e Emprego

You are in main content

Formación e Emprego

Fundación ONCE aposta decididamente por un mercado de traballo inclusivo que, dende o paradigma da igualdade de oportunidades e a non discriminación, aborde o emprego das persoas con discapacidade como unha oportunidade para todos e todas.

Entendemos que o emprego é un factor esencial para a inclusión social das persoas con discapacidade.

Para o efectivo cumprimento deste fin Fundación ONCE destina anualmente polo menos o 60% do seu orzamento ao seu Plan de Formación e Emprego. Así, os nosos eixes de actuación neste eido son:

  • Dotar as persoas con discapacidade en idade laboral dunha cualificación profesional e das habilidades laborais necesarias para poder acceder en igualdade de oportunidades ao mercado de traballo, mediante a realización de accións formativas
  • Promover a creación de emprego para persoas con discapacidade utilizando as diferentes vías e fórmulas existentes na lexislación española
  • Apoiar a creación de prazas ocupacionais en colaboración coas entidades do movemento asociativo de persoas con discapacidade e as súas familias

A realización de actuacións directas de formación para o emprego realízase a través da actividade de INSERTA Emprego (encadrada nos programas operativos de Inclusión Social e Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ), que está a desenvolver a Fundación ONCE co cofinanciamento do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil).

A oferta formativa sempre obedeceu os seguintes criterios:

  • Flexibilidade: para adaptarse ás demandas cambiantes do mercado de traballo
  • Que permita dotar dos suficientes coñecementos, destrezas e habilidades técnicas para un correcto desempeño do posto de traballo
  • Que permita desenvolver as habilidades sociais e persoais imprescindibles para un óptimo desempeño profesional
  • Accesible: dotando en cada acción formativa das adaptacións técnicas, do número de horas, da metodoloxía e dos medios materiais e humanos necesarios segundo as necesidades específicas de cada unha das persoas con discapacidade que participa na acción

A Fundación ONCE aposta pola calidade no emprego (empregos estables e a promoción do acceso a empregos de maior cualificación); así como que se favoreza, en termos de igualdade de oportunidades aos colectivos máis desfavorecidos: mulleres con discapacidade, persoas con discapacidade superior ao 65%, mozos e mozas con discapacidade, persoas con discapacidade maiores de 45 anos e persoas con discapacidade que, por razón da súa discapacidade, situacións individuais e/ou sociais presentan maiores dificultades para acceder ao emprego e/ou mantelo.

Plan de emprego vixente

Dende 1997 temos desenvolvido distintos plans de emprego. Así, nese ano púxose en marcha o primeiro Plan, o denominado “Plan 5.000/10.000”, cuxo obxectivo era a creación de 5.000 postos de traballo, así como levar a cabo 10.000 accións formativas para persoas con discapacidade durante o cuadrienio 1997-2000. Os resultados do plan desbordaron as expectativas máis optimistas: nos dous primeiros anos (1997-1998) superáronse xa as cifras establecidas.

En 1999 asinouse co Goberno da Nación un segundo Acordo Xeral sobre Cooperación, Solidariedade e Competitividade para a estabilidade do futuro da ONCE. Neste acordo, fixáronse os novos obxectivos sociais en materia de formación e emprego de persoas con discapacidade para o período 1999-2008 que se plasmaron no denominado “Plan 20.000/40.000”. O obxectivo deste plan era a creación de 20.000 postos de traballo para persoas con discapacidade e a realización de 40.000 accións formativas. A Fundación ONCE adquiriu o compromiso de crear 13.000 postos de traballo e realizar 18.000 accións formativas no decenio 1999-2008.

No ano 2004, para dar cumprimento e execución aos compromisos adquiridos en materia de formación e emprego para persoas cegas ou con outras discapacidades co Goberno da Nación no Acordo Xeral sobre Cooperación, Solidariedade e Competitividade para a estabilidade de futuro da ONCE, aprobouse o Plan 8.000/16.000 do Grupo ONCE sobre creación de emprego e formación para persoas cegas ou con outras discapacidades durante o período 2004-2011. Os obxectivos deste Plan foron a creación de 8.000 novos postos de traballo para persoas con discapacidade e prazas ocupacionais e a elaboración de cursos de formación para 16.000 persoas con discapacidade. Un ano despois da aprobación do Plan 8.000/16.000, no ano 2005, e despois de avaliar os obxectivos acadados, acordouse substituír o dito Plan polo Plan 16.000/32.000 da ONCE e a súa Fundación sobre creación de emprego e formación para persoas con discapacidade no período 2004-2011.

Superados os obxectivos do denominado Plan 16.000/32.000, o 18 de novembro de 2011, o Consello de Ministros aprobou un novo Acordo Xeral para o período 2012-2021 coa denominación de Plan 15.000/30.000 segundo o cal, a ONCE e a súa Fundación comprometéronse a crear 15.000 novos empregos e prazas ocupacionais e a impulsar e elaborar cursos de formación para 30.000 persoas con discapacidade.

Dentro destes obxectivos xerais, corresponde á Fundación ONCE:

  • A creación de 11.800 postos de traballo
  • A creación/consolidación de 2.400 prazas ocupacionais
  • A formación de 14.000 persoas con discapacidade: 8.000 persoas con discapacidade en formación ocupacional e 6.000 en formación continua

Cómpre destacar un cambio fundamental que se produce co Plan 8.000/16.000 e que continua co Plan 16.000/32.000 e o actual Plan 15.000/30.000, o compromiso de creación de emprego realízase apostando pola estabilidade do emprego, xa que para avaliar o grao de cumprimento do obxectivo de creación de emprego só se terán en conta os empregos xerados por terceiras empresas e entidades co apoio da ONCE e a súa Fundación que superen un determinado período de duración; en canto ao emprego interno da Fundación ONCE e de ILUNION, computarase o crecemento neto anual. Este cambio débese ao compromiso da ONCE e da súa Fundación en favor da calidade no emprego das persoas con discapacidade.

Programa INSERTA

Fundación ONCE, ante a necesidade de unir forzas e adoptar proxectos e accións dirixidas a promover e posibilitar a inclusión plena das persoas con discapacidade na sociedade, e sendo conscientes de que para a consecución do seu obxectivo son necesarios todos os medios dispoñibles polos poderes públicos, as institucións, os axentes sociais, empresariais e a sociedade en xeral, desenvolve programas como o Programa INSERTA.

O Programa INSERTA diríxese a empresas que inclúen dentro das súas políticas estratéxicas a implantación dun sistema de xestión baseado nos principios que defende a Responsabilidade Social Corporativa, fundamentalmente a través da integración voluntaria, das preocupacións sociais nas súas operacións comerciais e as súas relacións cos seus Grupos de Interese e, especificamente, fomentando o seu compromiso co colectivo de persoas con discapacidade, para o que Fundación ONCE pon a disposición da empresa o seu asesoramento especializado.

A adhesión ao Programa materialízase mediante a sinatura dun Convenio, a través do cal se artella de xeito coordinado un plan de acción específico que, dun modo progresivo para cada un dos anos de vixencia do Convenio, determina as accións que se acometerán en función das necesidades, das especificidades do negocio, do obxecto, do fin social e das estratexias de cada empresa.

Os ámbitos de actuación do Convenio INSERTA, nos que Fundación ONCE asesora ás empresas, están constituídos por:

  • Como eixe fundamental, o desenvolvemento de Proxectos estratéxicos de xeración de emprego directo e promoción da formación de persoas con discapacidade
  • E como eixes complementarios:
    • Integración laboral indirecta
    • Impulso de accións no ámbito da accesibilidade de bens e servizos
    • Inclusión de accións e estratexias en torno á discapacidade nos plans de responsabilidade social das grandes empresas
    • Accións de difusión e sensibilización social
    • Impulso, promoción e patrocinio de accións que contribúan á inserción laboral
    • Proxectos que contribúan á mellora do colectivo das persoas con discapacidade
    • Calquera outro de análoga natureza que sirva para favorecer os obxectivos sociais perseguidos polos asinantes

O desenvolvemento da maioría destes Convenios, particularmente nos eixes relativos á formación e o emprego, o executa a entidade Inserta Emprego.

Convenios INSERTA

Lexislación sobre integración laboral

A Fundación ONCE e ILUNION, con máis de 20 anos de experiencia na xeración de emprego para persoas con discapacidade, ofrece ás empresas: 

  • Intermediación laboral e formación para persoas con discapacidade
  • Asesoramento xurídico para a aplicación das medidas alternativas
  • Xeración de emprego indirecto para persoas con discapacidade a través dos seus Centros Especiais de Emprego (CEE)
  • Xestión e recepción de doazóns para promover actuacións que contribúan á xeración de emprego e formación para as persoas con discapacidade
  • Marco legal

    Lei de integración social das persoas con discapacidade (Lei 13/82 LISMI).

    Regula a obriga das empresas con 50 ou máis traballadores/as de reservar o 2% do seu cadro de persoal para persoas con discapacidade.

    Cando o cumprimento da LISMI non é posible, a lei establece un período excepcional e transitorio no que a empresa pode acollerse a medidas “alternativas” de integración, ata que poida lograr a contratación directa de persoas con discapacidade.

  • Excepcionalidade

    O Certificado de excepcionalidade é o documento emitido polo Servizo de Emprego competente en cada caso, que entenderá que concorren circunstancias de excepcionalidade nos seguintes supostos: 

    • Cando exista a imposibilidade de dar cobertura á oferta de emprego con persoas con discapacidade
    • Cando se acrediten cuestións que motiven a especial dificultade para incorporar traballadores e traballadoras con discapacidade ao cadro de persoal da empresa
  • Medidas Alternativas

    O Real Decreto 364/2005, de 8 de abril, establece as medidas alternativas de carácter excepcional ao cumprimento desta obriga.

    1. Contratos de prestación de servizos ou compra de bens con Centros Especiais de Emprego ou cun traballador/a autónomo/a con discapacidade
    2. Doazóns ou accións de patrocinio de carácter monetario a favor de fundacións ou asociacións de utilidade pública cuxo obxecto social sexa, entre outros, a formación profesional, a inserción laboral ou a creación de emprego en favor das persoas con discapacidade
    3. Constitución de enclaves laborais con Centros Especiais de Emprego

    O cálculo do importe anual das medidas 1ª e 3ª será de tres veces o IPREM anual por cada persoa con discapacidade que se deixe de contratar por debaixo do 2%. Para a medida 2ª, o cálculo será de 1,5 veces o IPREM anual por cada persoa con discapacidade que se deixe de contratar por debaixo do 2%.